SATSE en Ourense denuncia a forma de ofertar unha praza de Enfermeira Escolar pola Xefatura Territorial de Educación

27 septiembre 2022

A convocatoria realizouse o venres 23 de setembro de 2022,  e outorgaba o prazo ata o luns 26 a primeira hora da mañá. O que impedía darlle a visibilidade e tempo para que chegase o maior número de profesionais que puidesen estar interesados. Para o Sindicato de Enfermería, incumpre os prazos e criterios de transparencia e publicidade que han de rexer para o acceso o emprego público.

O Sindicato de Enfermería, SATSE en Ourense, ven de presentar a reclamación ante a Xefatura Territorial de Cultura, Educación e Universidade, pola pouca transparencia e publicidade amosada para realizar a oferta dun posto vacante de Enfermeira Escolar nun colexio público da provincia, neste caso en concreto para Pereiro de Aguiar. 

O Sindicato critica que a convocatoria realizouse o venres 23 de setembro de 2022,  e outorgaba o prazo ata o luns 26 as 10:00 da mañá para presentar os méritos e solicitude, sendo imposible para un gran número de aspirantes chegar a tempo e forma na convocatoria. 

Dende o Sindicato consideramos de vital importancia a figura da Enfermeira Escolar, solicitada por SATSE  a nivel nacional dende fai anos, dentro da Plataforma Estatal de Enfermería Escolar, xunto co Foro Español de Doentes, ademais de reclamalo conxuntamente coa Organización Colexial de Enfermaría. 

En Galicia, concretamente, a situación de esta figura tan importante é inexistente, para a saúde da poboación infantoxuvenil nos centros educativos, non soamente como aplicación de tratamentos senón de vixilancia, prevención e educación para a saúde. “É por iso que resulta imprescindible que cando existe unha necesidade, esta se convoque regulamentariamente para que teñan acceso o gran número de enfermeiras con experiencia e formación acreditada para poder prestar uns servizos e coidados de calidade os nenos nos Centros Educativos”, reclaman. 

Foron numerosas as afiliadas que trasladaron a SATSE en Ourense o profundo malestar pola convocatoria realizada, que o Sindicato trasladou en canto tivo coñecemento, xa que enfermeiras con moito interés o posto , con Especialidades  Máster en docencia, en coidados Infantís...etc, non foron capaces de presentar a instancia e a documentación requerida nun espazo tan corto de tempo. 

Dadas as evidentes deficiencias na convocatoria, SATSE solicita a Xefatura de Educación a realice cos prazos máis amplos, e así se reflicta tamén nas seguintes convocatorias que puideran producirse, incidindo na necesidade da implantación desta figura vital para a saúde dos nenos/as e mozos/as nos Centros Educativos.